Esto é Nanai

NANAI naceu nun momento no que necesitaba atopar algo que me fixese parar.

Estaba embarazada, traballaba en algo que non me enchía e sentía que a miña cabeza nunca descansaba. Todo eran dúbidas, ansiedade e esa sensación tan incómoda de non saber moi ben cara a onde tirar.

Nese momento comecei a experimentar con ceras, aromas, cores e moldes. Non coa intención de crear unha marca, senón simplemente porque facer cousas coas mans conseguía algo que eu levaba tempo buscando: que a miña cabeza baixase o volume.

Durante unhas horas deixaba de darlle voltas a todo. Só estaba alí, pensando nunha forma, probando unha mestura ou agardando a ver como quedaba unha peza ao saír do molde.

O que comezou como unha pequena vía de escape acabou converténdose nun lugar ao que sempre quería volver.

Así naceu NANAI. ✨

O nome tampouco foi elixido simplemente porque soase bonito. En quechua, nanai emprégase para falar desa caricia tenra coa que intentas aliviar unha dor ou unha pena.

E iso era, dalgún xeito, o que crear significaba para min: unha pequena caricia no medio de todo o ruído.

Detrás de NANAI non hai un gran equipo nin unha enorme produción. Estou eu, Alba.

Son eu quen proba os aromas, prepara as mesturas, saca cada peza do molde, revisa os acabados, coloca as etiquetas, empaqueta os pedidos, fai as fotos e intenta chegar a todo o demais.

Por iso todo se crea en pequenas cantidades e pasa polas miñas mans de principio a fin.

NANAI non pretende encher a túa casa de cousas. O noso obxectivo é crear pezas que fagan que un recuncho se sinta máis teu, que prender unha vela se converta nunha pequena pausa ou que un aroma che faga pensar: "que gusto dá estar na casa".

Ao final, NANAI segue sendo o mesmo que foi para min desde o inicio: un pequeno refuxio.🤎